GAIN Informa: xoves I+D+I

 15 septiembre, 2015
gain_I+D+I

Estimados/as amigos/as:

A Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de lanzar, o pasado 1 de setembro, un proceso de consultas preliminares do mercado para identificar solucións innovadoras baseadas na aplicación de sistemas aéreos non tripulados para mellorar a prestación de servizos públicos estratéxicos para Galicia.

Esta convocatoria está aberta á participación de calquera persoa física ou xurídica, de carácter público ou privado, de xeito individual ou consorciado, que pode enviar xa as súas ideas a través do formulario dispoñible na web da Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia.

As solucións a considerar deberán basearse en tecnoloxías innovadoras pero xa desenvolvidas e responder a un ou varios retos identificados polos distintos departamentos da Xunta no ámbito da prestación de servizos públicos e que están expostos na web da iniciativa. Entre eles atópase a prevención e extinción de incendios, o salvamento marítimo, o inventariado e xestión do territorio, o control do furtivismo, a vixilancia costeira e a xestión eficiente de emerxencias e fluxos turísticos.

A Xunta de Galicia estudará as propostas presentadas e poderá utilizalas no proceso de definición das especificacións funcionais e técnicas dos procedementos de compra pública innovadora que a Xunta lanzará previsiblemente entre os anos 2016 e 2018, por un importe de até 20 millóns de euros.

Paralelamente a este proceso, a Xunta de Galicia está a seleccionar un socio ou socios tecnolóxicos industriais para desenvolver un polo tecnolóxico deste sector en Galicia. Actualmente, os candidatos que superaron a fase de solvencia atópanse na fase de diálogo coa administración para mellorar as súas propostas. Finalmente, agárdase poder asinar un convenio co socio ou socios seleccionados en decembro. Para máis información: http://www.civiluavsinitiative.com/

Agardando que esta información sexa do teu interese, despedímonos até o próximo xoves!


gain_xunta