O Clag celebrará unha sesión formativa sobre as posibilidades do cloud para o sector audiovisual

 10 Marzo, 2014

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) celebrará o próximo 27 de marzo, en Santiago, a sesión formativa “O Audiovisual na Nube” , na que se fará unha introdución ao cloud e mostraranse as vantaxes deste servizo para as pequenas e medianas empresas (pemes) do sector audiovisual. O prazo para inscribirse neste curso está aberto até o día 26 de marzo.

O cloud computing supuxo unha verdadeira revolución na xestión empresarial. Na actualidade existen un número elevado de servizos que melloran a xestión das empresas facéndoas máis produtivas e permitindo dedicar os esforzos en tempo e investimento a outras áreas do negocio.

A través desta acción formativa, o Clag pretende introducir ás pemes do sector audiovisual o concepto do cloud (nube) e coñecer se esta industria está a adaptar os seus procesos a esta nova realidade. Así mesmo, abordaranse os retos aos que se enfronta a industria do cloud para adaptarse ás necesidades do audiovisual.

Clag. Cloud en el sector audiovisual

Programa da sesión

A apertura do curso “O Audiovisual na Nube” , que se celebrará no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en Santiago de Compostela, correrá a cargo da xefa do Servizo de Innovación e Novas Canles de CRTVG e vocal da área de I+D+i do Clúster Audiovisual Galego , Esther Medina . A continuación terá lugar unha presentación das “Tendencias de outsourcing na infraestrutura tecnolóxica” realizada polo director xeral do Grupo Arcade Inforhouse, Vidal Díaz.

Durante o transcurso da mañá tamén se impartirán dous talleres, un a cargo do persoal de Arcade Inforhouse sobre “Virtualización de escritorio e mobilidade”, no que se abordará a xestión de contornas de escritorio e móbiles, e que inclúe un caso práctico con estacións de traballo remotas en PC e móbil. O segundo taller será impartido polo administrador de sistemas do CESGA, Carlos Fernández, quen presentará as infraestruturas e servizos para cloud computing do seu centro, e presentará varios casos de éxito e experiencias da súa utilización.

O curso finalizará cunha sesión titulada “Produción Audiovisual na Nube”, a cargo do CTO e do responsable de Sistemas de Unitecnic na oficina de Madrid, Juan David Vivas e Iván Tobares, respectivamente, quen exporán as posibilidades que ofrece a redacción na nube, entre outros aspectos de interese para as pemes do sector audiovisual.

Esta acción formativa está organizada polo Clag , en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, e cofinanciada polo Igape e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da liña de “Axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clusters) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013”.

Para asistir ao curso é necesario enviar cuberto o formulario de inscrición que acompaña a esta información a comunicacion@clag.es , antes do día 26 de marzo . A inscrición é gratuíta até completar o aforamento da sala.